Thursday 19 de September de 2024

A aseguradora do buque contratatará a persoal de Ribeira para a limpeza de praias


O Concello de Ribeira pechou coa aseguradora da empresa armadora un plan de limpeza do granulado de plástico que se deposita nas praias do municipio tanto as que teñen unha exposición máis directa ao Atlántico como as do interior da ría. O equipo de goberno chegou a un entendemento coa empresa Ardentia Marine para que se contrate aproximadamente a 25 veciños e veciñas de Ribeira para realizar ese labor de limpeza dos areais.

Dende o 13 de decembro retiráronse 82 sacos enteiros de distintas zonas costeiras do municipio. “Onte mesmo chegaban 4 sacos á zona do Corgo en Corrubedo que foron retirados pola Brigada Municipal de Emerxencias. Esta brigada segue a monitorizar o litoral tódolos días, tanto a pé como co uso dun dron, para retirar o granulado plástico que chega aos nosos areais.” afirmou o alcalde Pérez Barral.

Segundo explicou, o Concello “chegou a un bo entendemento coa empresa aseguradora para que contrate a xente da localidade para a limpeza, permitindo xerar postos de traballo e retirar de maneira inmediata ese material contaminante das praias”. Estas tarefas de limpeza durarán o tempo necesario para a retirada de tódolos pellets. A entidade pon a roupa (chaqueta e mono) e a ferramenta necesaria para os labores. O horario sería de 8:30 a 13:30 horas e de 15:00 a 18:30 horas. As interesados en traballar nas xornadas de limpeza deben enviar nome e apelidos, número de teléfono e dispoñibilidade ao enderezo electrónico hr@ardentia.com.
“Estamos traballando na limpeza dese material pero tamén estamos facendo unha estimación dos gastos que deberá afrontar a empresa aseguradora porque temos mobilizado persoal municipal para as tarefas de limpeza e vixilancia dende o pasado decembro” explicou o rexedor. Tódolos sacos e pélets recollidos estanse a almacenar na nave municipal e “estamos en contacto coa Xunta para ver como se pode procesar este material contaminante”. concluíu.